Para afondar na historia dos anos nos que San Simón e Santo Antón foron destinados a campos de concentración de presos republicanos unha fonte imprescindible é a voz en primeira persoa, narrada polos seus protagonistas. Dentro da literatura testemuñal, temos a sorte de contar cunha obra autobiográfica que relata o día a día de catro anos de prisión, tortura e represión, da voz de Evaristo Mosquera nesta obra, publicada tanto en galego coma en castelán:

Catro anos a bordo dunha illa, memoria dun preso en San Simón ou un estraño xeito de vivir a nosa guerra civil , de Evaristo Mosquera Edicións A Nosa Terra, 2006 ISBN 978-84-8341-053-0 O mestre e político pontevedrés relata en primeira persoa as súas experiencias nos catro anos que estivo preso en San Simón. Unha obra testemuñal fundamental para afondar no día a día da vida na illa. A obra non está dispoñible para a venda, pero si no catálogo de moitas bibliotecas públicas galegas. Para saben en cales podes pedilo en préstamo, preme aquí.

Cuatro años a bordo de una isla, memoria de un preso en San Simón, de Evaristo Mosquera Edicións do Castro, 1984 ISBN 978-84-8341-053-0 A edición orixinal da obra foi de 1984 foi publicada en español por Edicións do Castro. Xa non podemos atopar a obra no circuito comercial das librerías pero podedes consultar as bibliotecas onde está dispoñible premendo aquí.
Evaristo Mosquera
Evaristo Antonio Mosquera Martínez, nado en Pontevedra en 1909 e finado en Madrid en febreiro de 1996, foi un mestre e político galego. Estudou Maxisterio. Na ditadura de Primo de Rivera fixo oposicións en Madrid ao Ministerio de Facenda e prestou servizo nas Delegacións de Vigo e Pontevedra. Participou na redacción da revista Cristal con Amado Carballo e Xoán Vidal Martínez. Colaborou con Luis Bello nas súas visitas de Escolas e foi secretario do Comité de Cooperación Intelectual. Durante a República colaborou na prensa (El Progreso, El Pueblo Gallego e El País) e incorporouse ao Partido Galeguista. Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi detido e xulgado en Consello de guerra. Pasou case catro anos detido no campo de concentración de San Simón onde protagonizou, xunto cun grupo de evanxélicos de Marín, Celestino Poza Cobas e o seu fillo Celestino, un plante, negándose a confesar cos cregos da prisión. Unha vez en liberdade trasladouse a Madrid e volveu ser detido por motivos políticos, condenado a oito anos de prisión, finalmente reducidos a cinco, que cumpriu en Carabanchel, Ocaña e no campo de traballo de Fuencarral. (Fonte: Galipedia)