Episodios do terror

Para sabermos máis sobre os presos de San Simón, unha obra clave é Episodios de terror durante a Guerra Civil na provincia de Pontevedra. A illa de San Simón de Gonzalo Amoedo e Roberto Gil

Autores: Amoedo López, Gonzalo; Gil Moure, Roberto

Editorial: Xerais de Galicia.

Ano: 2007

Código ISBN/ISSN/DL: 978-84-9782-604-4

Trátase un libro de pescuda, de síntese e recuperación da nosa memoria histórica. Os autores sintetizan todo o que se leva escrito até o de agora sobre o período da Guerra Civil na provincia de Pontevedra, centrando o libro arredor do campo de concentración da illa de San Simón e a súa colonia penitenciaria. Episodios de terror recupera máis de catro mil nomes de perdedores da Guerra Civil, incorporando tamén os nomes das persoas que asinaron as sentenzas ou as dos que, segundo testemuños orais e investigacións, actuaron como asasinos nas estradas. Este libro recrea os terribles momentos dos paseos e dos paseadores; o papel dos militares; unha visión sobre os campos de concentración en Galicia, cunha descrición detallada de San Simón; o papel da Igrexa católica; a solidariedade do pobo; a reparación dos danos morais, e outros moitos aspectos que o fan un libro imprescindible no proceso de recuperación da memoria histórica.

O listado de presos que recolle este libro está dispoñible tamén en internet. Podes consultalo aquí.

Aínda que actualmente o libro está esgotado e atopalo en librerías é bastante difícil, si de pode consultar facilmente na rede de bibliotecas públicas de Galicia, velaquí o listado das bibliotecas onde está dispoñible para préstamo: aquí:

A memoria e o esquecemento

Gonzalo López Amoedo ten diversos traballos de investigación arredor da memoria histórica da provincia de Pontevedra, entre os que se atopa esta obra, publicada por Xerais, que recomendamos sen dúbida:

Convencido de que achegar á sociedade o nome das vítimas, as voces e os lugares é insuficiente, o autor afonda na memoria colectiva ata dar cos que compuxeron o heterodoxo grupo dos erguidos en armas contra a II República, os cómplices necesarios, as razóns da súa alianza e o porqué dos seus actos e do seu acomodo no partido único. En A memoria e o esquecemento tamén aparece recollido como, despois de trinta e nove anos, moitos deles iniciaron un doce aggiornamento que os levou a atravesar o Rubicón da transición convertidos en demócratas.Froito da súa pescuda en arquivos do país pouco explorados ata o momento, Gonzalo Amoedo analiza de forma exhaustiva neste libro a organización interna da Falanxe na provincia de Pontevedra. O autor informa dos distintos sectores da sociedade que participaron nos actos da represión que se produciron durante os anos da ditadura franquista achegando datos e materiais que serán de inescusable referencia no futuro.